Actualidade / Artigo Santiago, 30 de marzo de 2001 O papel da emigración na solución dos problemas de Galiza
A emigración galega empeza a ocupar hoxe un papel médiático significativo na medida en que os votos da Galiza Exterior poden resultar decisivos nos vindeiros comícios autonómicos. Tanto a situación da emigración como o papel que pode xogar no presente e no futuro de Galiza pasan agora ao primeiro plano do interés político. Cunha política ambiciosa e que deixe de lado os prexuízos e os intentos de manipulación, a emigración galega pode contribuir á solución dos principais problemas que hoxe ten Galiza. As seguintes liñas son o baseamento xenérico dun libro que o autor está a desenvolver baixo o título de "O papel da emigración galega na Galiza do século XXI". No século XX, Galiza perdeu como consecuéncia da emigración perto de un millón de habitantes. As décadas dos 50 e dos 60 foron especialmente duras e viron como centos de miles de galegos e galegas partian para países de Europa e América maioritariamente. Esta situación de feito configurou co paso do tempo unha Galiza Exterior, homes e mulleres que manteñen con orgullo a sua condición de galegos nos países de acollida. Para nós o repto está absolutamente claro: lonxe da política de propaganda, esmolas e clientelismo que están a praticar os governos da Xunta e do Estado, compre criarmos na Galiza as condicións económicas necesárias que permitan o retomo dos galegos e galegas emigrados que desexen voltar ao país, e, simultaneamente, estabelecer programas de actuación social que supran as deficiéncias dos sistemas de protección social dos países de acollida. Pero mais aló diso, o noso obxectivo é apresentar agora unhas liñas de acción programática de meio e longo prazo para incorporar á emigración galega ao proxecto de construcción nacional de Galiza. No proxecto de país que apresentamos a emigración debe cumprir un papel de primeira orde que permita o comezo dun proceso político, social e económico que salde a débeda que Galiza ten coa emigración. Esa débeda é cuantiosa. Os máis vellos son os que pagaron a peor factura da emigración. A imensa maioria xa non espera retornar. Como moito quixera vir algunha vez a visitar a casa donde naceron e abrazar á sua xente. Unha boa parte deses vellos non fixo a América, pero soña con que os seus fillos ou netos podan voltar á terra algun dia. Para nós está claro que no proxecto de construcción nacional de Galiza a emigración pode-se constituir nunha forza social, política e económica de grandes dimensións. A integración da Galiza exterior neste proxecto desenvolverá-se principalmente sobre os seguintes eixos: 1.- A integración dos centros galegos espallados polo mundo dentro dunha política de acción exterior do Governo galego. 2.- A integración da rede de pequenas e medianas empresas instaladas pola emigración dentro dun plano de impulso á economia galega mediante a asociación, as joint-ventures, programas de investigación e desenvolvemento, asociación para apertura de mercados de exportación, aportes de capital para o investimento en Galiza, etc. 3.- A integración dos centros galegos no exterior dentro dun ambicioso plano de acción cultural, de espallamento e normalización da nosa lingua, de intercámbio universitário, de edición de libros, de produción audiovisual, musical, de criación dun mercado de consumo cultural de productos galegos que pode chegar a ser xigantesco só tomando en conta os mercados potenciais. 4.- A elaboración por parte do Governo galego dun ambicioso e programado plano de retorno. Tal plano tomará en conta as necesidades do noso país en canto a capital humano cualificado. Resulta chocante que a Galiza teña taxas de natalidade negativas cando polo mundo adiante hai centos de miles de galegos xóvenes e deceas de miles de nenos que poden revitalizar Galiza e traer toda unha experiéncia cultural nova que pode abondar en benefício do noso país. 5.- Estabelecimento dun plano de asisténcia sanitária e de servizos sociais que permita cobrir as deficiéncias dos sistemas de proteccion social dos países de acollida, principalmente en países de America do Sul, e que garanta uns níveis asistenciais mínimos para todos os emigrantes orixinários da Galiza. 6.- O apoio total do Governo Galego ás reivindicacións das distintas plataformas sociais de emigración que veñen exixindo ao Estado español pensións non contributivas do 100% para os emigrantes, subvencións por parte do Estado español ás medicinas desos emigrantes en situación de precariedade e recoñecemento dos direitos políticos e de cidadania para os emigrantes. 7.- A execución desta política cara á emigración obriga a criación dunha estrutura administrativa específica do Governo Galego que planifique, execute e dote de orzamentos a unha política de tanto calado como a que prantexamos. Esa estrutura administrativa non pode ter outro rango mais que o dunha Conselleria de Asuntos Migratórios. 8.- Reforma imediata e global da Lei de Galeguidade para converti-la nun instrumento democratizador e que garanta a aplicación da própria lei a todos os galegos espallados polo mundo en relación cos direitos civis, sociais e democráticos, e non só aos galegos afiliados as entidades asociativas no exterior, que apenas agrupan ao 15% de toda a comunidade galega emigrante. Emigración e acción exterior do Governo galego
Hoxe que tanto se fala da mundialización da economia, os galegos temos adiantado unha boa parte dese proceso con axentes sociais e económicos espallados por todo o planeta. Pero coa vantaxe de que eses nosos axentes non son recén chegados, están instalados nos seus lugares de residéncia hai tempo, coñecen o território, domeñan a cultura local, saben-se mover dentro das peculiaridades das administracións locais. Cunha activa política exterior e cun plano de apertura de novos mercados un Governo galego capaz de integrar á Galiza exterior nestas políticas acadaría resuldados extraordinários. Existen investigacións sérias que rexistran máis de 50.000 empresas de orixe galego espalladas por todo o mundo. Empresas da emigración. Medianas e pequenas na sua maioría. Adicadas aos máis variados sectores da economia produtiva e dos servizos. Desde a imprensa á produción de plásticos e pinturas; desde a produción textil á construcción; desde a hostaleria á distribución de materiais de todo tipo, redes de distribución de alimentos, banca e seguros, comércio maiorista e detal. Pode-se dicer que non hai atividade comercial ou produtiva na que un galego non estexa hoxe involucrado. Todos estos entes económicos, artellados dentro dun plano coerente, poden ser os axentes da mundialización da economia galega. Moitas desas empresas dispoñen de alta cualificación técnica, son ponteiros nos seus países, teñen xerentes curtidos e experimentados, sobreviviron aos vaivéns de vários ciclos económicos ao longo de máis de trinta anos, sortearon crises, depresións, inestabilidade política, saben navegar contra a marea e moitos deles están sempre a buscar novos produtos e sócios no exterior. A rede empresarial da emigración pode ser a ponta de lanza dunha agresiva política de exportación para os produtos galegos fóra da Unión Europea. Ao mesmo tempo, esas empresas da emigración poden ser excelentes sócios para aqueles que non só queiran vender senón instalarse en determinados países. As posibilidades de acordos comerciais, de intercámbios tecnolóxicos, de exploración de mercados, etc, perden-se de vista. Pero para que eso dé froitos é imprescindíbel que desde o Governo Galego exista unha clara conciéncia da necesidade de organizar este sector e deseñar políticas moi concretas. Os governos vasco e catalán levan anos transitando este camiño e os resuldados cantan, e iso cunha emigración menos espallada e numericamente inferior á galega. Emigración e taxa de natalidade
Galiza ten unha boa parte do seu sangue máis xoven e mellor formada no exterior mentres se produce o paradoxo de que dentro das fronteiras galegas a povoación diminue, as escolas fican sen nenos e moitas explotación agrárias esmorecen polo avellentemento dos axentes económicos. As estatísticas sinalaban hai pouco que as escolas galegas perderon 150.000 cupos nos últimos dez anos. As universidades galegas preparan-se para unha baixa paulatina da matrícula nos próximos anos. Unha maneira de revitalizar as nosas taxas demográficas estriba nunha política de retorno planificada e executada polo Governo galego a medio prazo, con contixentes anuais, priorizando o retorno de homes xóvenes da segunda xeneración con formación universitária ou técnica e os fillos destos, da terceira xeneración, tomando como referéncia histórica a emigración que se produce entre finais da guerra mundial e a metade dos anos sesenta. Para alonxar medos infundados hai que dicer que ainda que na emigración hai ilusión polo retorno, tal esperanza non é masiva. Arriscando-nos a poñer unha cifra, e tomando como base a história do retorno nos últimos dez anos, poderiamos falar de que en dez anos e con políticas de estímulo axeitadas é esperábel como mínimo unha cifra arredor dos cincoenta ou sesenta mil retornados. Eso en dez anos. Unha cifra que pode amortiguar perfectamente as baixas acumuladas nos últimos tempos e poñer de novo en positivo as nosas taxas demográficas. Para todo eso necesita-se un plano coa sua partida orzamentária respeitiva e, por suposto, vontade política. Indústria cultural e política exterior
A emigración pode-lle dar un impulso portentoso á indústria cultual galega como mercado de consumo, por unha banda, e como espácio para a revitalización e espallamento da nosa cultura e noso idioma. Hai na emigración público para que os nosos artista apresenten a sua obra, leitores para os noso escritores, crecente demanda de ensinantes de galego, consumidores para produtos musicais, etc. A emigración é hoxe un mercado virxe para unha indústria cultural galega. Sobre a base da estreita relación dos emigrantes galegos coas sociedades de acollida, abre-se unha via directa coas organizacións sociais, económicas, políticas, sindicais e cos respeitivos governos desas sociedades. Un Governo Galego pode aproveitar esa singular oportunidade para ampliar sustancialmente as suas relacións internacionais. En resumo, estamos a falar dunha política global e de longo prazo, executábel por etapas, e que consiste en deixar de ver a emigración como un problema ou como un simples mercado eleitoral ou reserva de votos e si como unha solución para os problemas do noso país.


 Confederación Intersindical Galega www.galizacig.com
ÚLTIMA REVISIÓN: 30/03/2001 |