Actualidade / ComunicadoVolver


Vigo, 6 de marzo de 2001

Nova agresión ós dereiros laborais de traballadores e traballadoras
Comunicado da CIG sobre o Decreto Lei de Reforma Laboral
 

CIG-

cig@galizacig.com



As medidas de reforma laboral aprobadas hoxe polo goberno constitúen, na súa globalidade, outra agresión ós dereitos laborais de traballadores e traballadoras. Atopámonos ante a evidencia dun novo capítulo da Reforma Laboral Permanente, iniciada en 1994, un proceso con connotacións aberrantes para a legalidade e o Dereito Laboral, que a cada poucos anos reedítase en novas voltas de rosca, sempre en dirección favorable ós intereses e pretensións patronais.

Preséntanse co eufemístico obxectivo de “incentiva-la creación de emprego estable e mellorar a súa calidade” pero a escasa carga positiva das medidas redúcese ó establecimento dunha indemnización para os contratos temporais máis aparente que real, pois ven representar un escaso 2.20% de repercusión salarial, insuficiente para constituirse en medida favorecedora de que o empresario recurra á contratación estable.

Seguindo o ronsel dos pactos asinados en 1997 polos sindicatos de ámbeto estatal e a CEOE, as medidas céntranse en dúas liñas demostradamente ineficaces para provocar unha diminución sensible da precariedade laboral, que de feito segue a afectar a unha porcentaxe practicamente idéntica da poboación asalariada. Esas liñas principais son o abaratamento do despido e nutrir ó empresariado con máis e máis bonificacións dos custes laborais.

A resultas do camiño de consenso iniciado en 1996/97 polas cúpulas dos sindicatos estatais coa patronal e co goberno, debilitanto as condicións laborais da clase traballadora e ó propio movimento sindical, prodúcese agora a imposición gobernamental, desde a maioría absoluta do PP no Parlamento do Estado, dirixida á satisfación das pretensións da patronal, mesmo a modificación da regulamentación do contrato a tempo parcial que a CEOE viña demandando. A anterior rutina de simple ratificación polo goberno do acordado previamente entre os interlocutores sociais, pasa a ser agora a de arbitrar en caso de desacordo, pero en calquera dos dous casos, o resultado é a imposición por vía do Decreto-Lei, que impide ou cando menos perturba seriamente o papel de elaboración lexislativa propio do Parlamento.

É especialmente grave a opción polo abaratamento do despido. A pesar de que segue existindo a indemnización legal de 45 días por ano traballado para os despidos improcedentes nos contratos indefinidos ordinarios, ábrese a tantos colectivos laborais a posibilidade de aplicación do contrato con despido reducido a 33 días, que prácticamente afectará en pouco tempo a meirande parte dos traballadores e traballadoras.

A CIG celebrará o próximo martes, día 6, unha xuntanza extraordinaria do seu Secretariado Confederal, co gallo de realizar unha pormenorizada análise do Decreto que mañá publicará o BOE e decidir as medidas reivindicativas, de mobilización e orientación da negociación dos convenios colectivos, que compre abordar en defensa dos intereses dos traballadores e traballadoras.

Vigo, 2 de marzo de 2001.


Fernando Acuña,
secretario xeral da CIG.

Volver


Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 06/03/2001