Actualidade Criterios confederais para a Negociación Colectiva 2001 Secretaría Confederal de Negociación Colectiva da CIG- O proceso de negociación colectiva é un camiño adecuado para solventar os conflictos laborais, inda que o convenio pactado non sexa unha solución definitiva, senón de equilibrio temporal, porque sempre existirán as diferencias nas relacións entre os traballadores e os empresarios. Como cada ano, son os traballadores e traballadoras sindicadas as que marcan a pauta da negociación, propoñendo plataformas reivindicativas adecuadas, buscando os apoios necesarios para acadar resultados positivos. Para elo, o sindicato ten que contar cunha organización axeitada ao proceso negociador, porque si a parte sindical é feble, o empresario non se verá obrigado a facer concesións e os obxectivos da negociación se frustrarán. Como cada ano, os traballadores da CIG defenden unha negociación colectiva na Galiza, pegada ao sector e á empresa. En coherencia con iso, a CIG ergue un modelo sindical participativo, basado no protagonismo das seccións sindicais e federacións de sector, capaz de recoller tódalas potencialidades derivadas do conflicto de intereses enfrontados e canalizalas de cara a unha acción sindical eficaz. Pola contra, nun modelo de negociación colectiva centralizada, as organizacións de base tenden a perder importancia dentro da organización sindical e faise moito mais difícil conseguir regulacións laborais que resposten ás realidades productivas e ao equilibro de forzas. Como cada ano, as persoas que negocian os convenios en representación da CIG, ademais de ter en conta a información sindical a nivel inmediato (a forza real coa que contamos, a posibilidade de unidade de acción, os métodos de traballo participativo mais adecuados…) e a información económica sobre a situación da empresa ou sector, teñen tamén moi presente os criterios básicos establecidos anualmente pola Confederación, o que axuda a coñecer con carácter xeral en que eido nos movemos e a conxuntar a actividade das federacións co modelo de acción sindical. O Secretariado Confederal aprobou o documento sobre a negociación colectiva para o ano 2001, onde se propón unha estratexia reivindicativa basada nunha dinámica mobilizadora, defínense as reivindicacións básicas e desenvólvense aspectos concretos como saúde laboral, descriminación no traballo por razón de sexo ou formación contínua. A continuación expoñeremos os principais contidos deste documento confederal.
1. Estratexia reivindicativa Previamente á concreción das liñas reivindicativas para o próximo ano, debemos reflexionar e constatar colectivamente os aspectos xerais que enmarcan a nosa acción sindical.
O notable crecemento da riqueza que se está a producir nos últimos anos, contrasta coa inxusticia social patente en Galicia. O desemprego, a precariedade, a marxinación e discriminación laboral, especialmente no caso da mocidade e da muller, configura unha inaceptable situación de desigualdade social. Dende 1995 o PIB ven de crecer un 21,6 %, a ritmos superiores á media europea. No ano 2000, segundo as estimacións do Banco de España, o incremento foi do 4,1%, por riba do 3,7 previsto polo Governo. Para o 2001 as previsións governamentais son do 3,6%. O desemprego segue a ser un problema estructural gravísimo para a clase traballadora galega. O paro (taxa do 14,4%) afecta a tódolos segmentos, pero en especial á mocidade (27,7%) e ás mulleres (20,8%). A maior parte do emprego que se xenera é no sector servicios, ten carácter temporal e aumenta notablemente o traballo a tempo parcial. A contratación indefinida segue a ser a excepción. A taxa de temporalidade é do 34,5% , mais alta que en 1996, que era do 33%. Como se sabe, en 1997 asinaron a reforma laboral para conseguir a estabilidade no emprego, a cambio de facilitar e abaratar o despedimento, e xa se ve o resultado de tivo. O emprego se precariza cada vez mais, baixo vellas e novas formas. Xunto á utilización da contratación temporal e das ETTs, exténdese a subcontratación e as empresas de servicios, tanto na empresa privada como nas administracións públicas, segréganse actividades dentro da mesma empresa ou do mesmo grupo empresarial, precarízanse as condicións de traballo das novas incorporacións (dobles escalas salariais, maior flexibilidade e xornadas superiores). Deste xeito medra non só a porcentaxe de persoas con contrato precario, senón que a precariedade precarízase cada vez mais e as novas xeracións que se incorporan ó mundo do traballo o están a facer en piores condicións que as xeracións precedentes. É unha falacia e unha mentira gorda que todo isto estea indefectiblemente vencellado ó progreso tecnolóxico e ás novas exixencias productivas. A razón fundamental é a de sempre, reducir custes e aumentar beneficios empresariais, especialmente daquelas grandes empresas que poden impoñer condicións draconianas aos seus proveedores, a costa dun deterioro xeralizado dos dereitos das traballadoras e dos traballadores. A sinistralidade laboral aumenta alarmantemente e unha das causas fundamentais débe-se á precariedade do emprego. E o número de enfermedades profesionais segue a ser baixísimo, dada a resistencia legal e administrativa para o seu recoñecemento. Pero ademais, o crecemento salarial real é negativo, polo menos nos dous últimos anos, onde perdimos nada menos que 1,48% do poder adquisitivo. Nos últimos catro anos, dende 1997, os salarios tan só medraron un 0,38%, mentres que a productividade medrou ó redor dun 4% e os beneficios empresariais disparáronse a nada menos que un 90% nese período. Por todo iso, debemos denunciar as dúas caras que presenta a sociedade galega: mentres a riqueza global increméntase de forma sostida, con perspectivas favorables no futuro inmediato, a pobreza, o paro, a precariedade e a discriminación seguen patentes na sociedade galega a niveis inadmisibles.
A preocupación da CIG polo emprego e a prol do desenvolvemento dos nosos sectores productivos deron lugar a loitas de carácter xeral contra o paro e a precariedade e pola estabilidade no posto de traballo que, sen embargo, tiveron pouca efectividade mobilizadora e pouco eco social. Os resultados da negociación colectiva dos dous últimos anos tampouco son moi satisfactorios, xa que ademais de que a metade de empresas e traballadoras e traballadores galegos ven reguladas as súas condicións laborais por convenios negociados fóra de Galicia e de que esa dinámica avanza, os convenios que se negocian aquí seguen a ter escaso contido e non conseguimos, en xeral, melloras importantes en aspectos como salario, xornada e emprego. Certo é que xunto á posición intransixente da patronal, a actuación dos sindicatos españois en Galicia ven sendo unha rémora importante para o movemento obreiro, tanto na empresa privada como nas Administracións Públicas. Tamén é verdade que as relacións institucionais e os pactos como os "Acordos para o crecemento e o Emprego" asinados pola Xunta de Galicia, a CEG e CCOO e UGT, ademais de avalar a nefasta política social da Administración Autónoma, provocan conformismo, resignación e apatía nas traballadoras e traballadores galegos. E que agora, xa parece que moitos están a esperar polo novo "pacto social" que se asine en Madrid, entre a patronal e a cúpula dos sindicatos españois, a ver si alí arranxan algo. Pero nos sabemos que esa politica de reformas continuadas está basada no "pacto do tobogán", onde sempre imos cara abaixo. Menos salarios, menos protección social, piores condicións de traballo e mais precariedade. Sen embargo, independentemente de avaliacións mais concretas neste eido, debemos de recoñecer que a CIG non conseguíu ata agora erguer unha opinión crítica suficientemente importante contra esa política de pactos neoliberais, que non conlevan resultados positivos para a clase traballadora. E debemos reflexionar sobre o feito de que o illamento que supón o rexeitamento de dinámicas negociadoras e de acordos insustanciais ou mesmo negativos, non está a ser compensado por unha consolidación da nosa posición sindical nin por unha acumulación de forzas capaz de pasar factura aos sindicatos asinantes. Seguramente isto require mais esforzos pola nosa parte de cara a buscar, no inicio dos procesos negociadores, elementos reivindicativos comúns que poidan sustentar unha unidade de acción sindical efectiva; mais esforzos tamén no seguimento e información áxil ás persoas afectadas; e dende logo, mais esforzos na exposición e denuncia dos incumprimentos ou das traicións, no seu caso, respecto do acordado entre os sindicatos así como nas necesarias explicacións da nosa posición ao remate de cada proceso negocial. Nesta correlación de forzas desfavorábel, as preocupacións do sindicalismo nacionalista polo emprego e a reducción da xornada a 35 horas, pola precariedade e polas coberturas e subsidios ás persoas en paro, soen quedarse en posicionamentos e discursos sindicais. Necesitamos que todo iso pase a formar parte da acción reivindicativa real. Para iso, a negociación colectiva, inda que non sexa a única ferramenta de acción sindical, é un instrumento moi válido tanto para conseguir un mellor reparto da riqueza como para conseguir mais e mellor emprego e reduccións de xornada. O Secretariado Confederal quere salientar ese papel importante da negociación colectiva e considera que adoptar unha actitude combativa, individual e colectiva, á hora de enfrontar a negociación dos próximos convenios colectivos, é absolutamente necesario para avanzar nos nosos obxectivos reivindicativos.
A experiencia dos dous últimos anos e os seus escasos resultados nos demostra que é necesario ser mais ambiciosos na negociación colectiva. O proceso de negociación ten que ser expresión da forza reivindicativa da CIG para conseguir convenios colectivos útiles, con contidos adecuados, con capacidade para regular colectivamente a realidade concreta das relacións laborais no sector e na empresa. Dada a posición inmovilista da patronal, sobre todo no que se refire a emprego e xornada, dada a dinámica das mesas negociadoras, en certa medida profesionalizada e fortemente xerarquizada, onde os representantes da patronal e dos sindicatos españois adoptan unha posición subalterna en relación ás súas respectivas direccións, sabemos que vai ser difícil acadar acordos importantes e que tamén vai ser difícil fortalecer a negociación en Galicia conseguindo convenios eficaces, con contidos que aseguren unha regulación completa, e non accesoria, das relacións laborais. Pero sabemos mais, sabemos que vai ser imposible cambiar esa dinámica estatalista, subalterna e acomodaticia da negociación colectiva sen recurrir ao conflicto, sen capacidade de presión ou sen folga. Por iso, compre mellorar a nosa posición de cara a negociación colectiva, aumentando a nosa capacidade de presión e acadando unha correlación de forzas mais favorable. E para conseguir iso temos que prestar moita mais atención aos métodos de traballo que teóricamente temos establecidos e que tódalas persoas con responsabilidades nas federacións coñecen, temos que coidar mais os aspectos organizativos, ampliar os medios, os apoios e as coberturas á negociación colectiva e, temos, sobre todo, que intensificar o espíritu de loita e de mobilización a prol duns obxectivos realistas, capaces de conseguir atraer á maioría dos traballadores e traballadoras implicados. Ainda que a responsabilidade directa da Negociación Colectiva corresponde ás Federacións, é moi importante que dende a Confederación, e concretamente dende as Unións Comarcais, préstese o maior apoio de medios posible para as accións de presión e de mobilización que as federacións planifiquen. O Secretariado Confederal considera que unha aposta reivindicativa forte, como a que propoñemos, necesita dunha organización adecuada e dunha distribución de recursos -que sempre son escasos- ao servicio do que, neste intre, rematadas as eleccións sindicais, consideramos prioritario.
O salario, a xornada e o emprego son as materias que configuran as reivindicacións básicas de toda negociación colectiva. A continuación detallamos os criterios confederais sobre estos temas que deben ser concretados na plataforma reivindicativa de cada convenio do ano 2001.
A negociación salarial é un instrumento de redistribución da riqueza. En 1998 os incrementos medios ponderados foron do 2,68%; en 1999 do 2,47% e no 2000 do 2,95%. Nos dous últimos anos, perdimos un punto e medio en relación á carestía da vida. Esto debe lembrarnos que non podemos relaxarnos na defensa das cláusulas de garantía que, como no caso da revisión salarial, acabaron desaparecendo de moitos convenios. Si se negocia tomando como base o obxectivo governamental de inflación (para o ano 2001 o 2%) a fórmula que se adopte para a revisión salarial debe garantir que os incrementos acordados no convenio manteranse en todos os conceptos salariais dende que se acordou ese aumento, esto é, con carácter retroactivo. O IPC previsto polo governo para o ano 2000 foi do 2% e o IPC real (oficial) foi do 3,7 en Galiza e do 4 no Estado español. Esta inflación desbocada, en relación á media europea perxudica ó emprego, ós salarios e ás condicións de vida dos que teñen menos capacidade económica. E esta situación ten culpables, tanto neste governo enamorado dos impostos indirectos (que gravan o consumo) e no seu comportamento respecto da suba dos combustibles, como na insolidariedade da patronal que irresponsablemente busca un inmediato beneficio. Agora, a previsión de inflación para o 2001 volta a ser do 2% e xa non podemos fiarnos, claro. Pero ademais non é bo negociar pegados á inflación, senón que hai que considerar outros aspectos, e, en particular as ganáncias de productividade. Durante moito tempo vimos soportando discursos que nos aseguran que as reivindicacións salariais son insolidarias e utilizan o emprego como coartada para que os salarios perdan poder adquisitivo. A realidade é que mentres que se crea pouco emprego e precario, os beneficios empresariais se disparan e a participación das rendas salariais perden peso en relación ás do capital. E isto demostra que as cousas non van ben. Ou que van ben so para os de sempre. É xusto que reivindiquemos e sexamos mais ambiciosos na consecución de incrementos salariais reais, porque a xente que traballa ten que participar das ganáncias e porque, ademais, o incremento do poder adquisitivo dos salarios contribúe ao crecemento económico, xa que o consumo privado, que aumentará si realmente aumentan os salarios, representa mais do 60% do PIB. Para conseguir un reparto mais xusto da riqueza e, colateralmente contribuir a un crecemento sostido, debemos exixir subas salariais reais, sumando á inflación os aumentos da productividade e tendo en conta a situación dos sectores e empresas e os incrementos dos beneficios empresariais. Polo tanto, primeiro ten que haber producción e segundo ten que se saber que é o que hai que repartir. Ese criterio de acordar incrementos pegados ou próximos á inflación oculta o problema real do reparto da renda e coarta ou impide a participación dos traballadores e traballadoras nos beneficios da producción. Pero, ademais, ó establecer aumentos puramente porcentuais produce no tempo un importante incremento de desigualdades sen causa razoable. Desigualdades entre unhas categorías e outras no seo da empresa, desigualdades entre uns sectores e outros, que parten de bases salariais distintas, e desigualdades entre uns territorios e outros. Desta forma, despois de 20 ou 25 anos as diferencias son inxustificablemente maiores, non en base á productividade, nin á situación competitiva da empresa ou do sector nunha economía aberta, senón esencialmente debido á utilización ríxida dun criterio establecido moitos anos atrás polas partes negociadoras, polo que deberemos estar atento a estas consecuencias e introducir instrumentos para cambiar a tendencia, como algunhas pagas lineais, salarios mínimos de convenio, maiores compensacións para categorías mais baixas… As Federacións establecerán en base a estes criterios, o incremento salarial concreto a reivindicar en cada convenio e a súa distribución.
Debemos propoñer a xornada de 35 horas semanais, sen que esta sexa unha desas reivindicacións que antes decaen na negociación. En relación a este tema, debemos negociar os compromisos de novas contratacións que se poden derivar da reducción do tempo de traballo e unha negociación real sobre as horas extraordinarias, tratando de erradicalas para crear emprego, ou ben limitalas ao máximo definindo as causas de forza maior que xustiquen a súa realización. Nos convenios debe figurar expresamente a obriga de entregar a cada traballadora e traballador, e aos representantes sindicais, un informe períodico das horas extras realizadas.
Nos convenios e nos acordos e pactos de empresa deben contemplarse compromisos concretos en materia de emprego:
A pesar de que existe unha regulación legal e regulamentaria exhaustiva sobre saúde laboral, esta é moi xeneralista e ás veces ambigua, polo que os convenios colectivos non poden limitarse a facer unha remisión ou referencia á mesma. A maiores de incorporar no convenio determinados preceptos legais respecto das obrigas de empresarios e traballadores, por aquello de darlles unha maior difusión, as federacións da CIG deben de incluír cláusulas que favorezcan a participación dos traballadores e traballadoras, a aplicación da formación básica sobre estos temas, e as necesarias medidas de prevención e vixiancia da saúde. A nivel de empresa pode concretarse moito mais doadamente o desenvolvimento e aplicación específica da normativa de saúde laboral, pero tamén nos convenios de sector hai moitas cousas que poden incorporarse para mellorar a lei e os regulamentos de prevención de riscos. A modo de exemplo citaremos algúns dos aspectos que poden ser recollidos nos convenios colectivos:
Tamén de portas adentro das empresas as desigualdades entre homes e mulleres fanse moi patentes. A negociación colectiva é un instrumento para erradicar as discriminacións e avanzar na igualdade real. En cada federación pode realizarse unha revisión dos convenios asinados para eliminar calquera texto discriminatorio e adecuar os seus contidos á lexislación vixente. A Secretaría da Muller seguramente pode axudar nesa tarefa. É unha obriga de todas e de todos realizar un bo traballo para detectar as discriminacións que se producen e coñecer a situación real da muller no laboral, os problemas que por ser mulleres teñen no traballo e propoñer solucións e obxectivos concretos en cada centro de traballo, empresa e sector. E sobre todo loitar con firmeza e convicción para que esas propostas se contemplen nos convenios. De forma orientativa, e non pechada, debemos esixir na negociación colectiva:
A formación continua é unha necesidade permanente para as traballadoras e os traballadores e debe convertirse nun novo eido de acción sindical. Para posibilitar a participación sindical neste tema, podemos propoñer nos convenios colectivos as seguintes cuestións:
1. A negociación colectiva do 2001 vaise desenvolver cunha previsión de crecemento económico do 3,6%, e cunha tendencia inflacionista clara, que os expertos mais optimistas sitúan entre o 2,5% e o 3%. 2. Os obxectivos fundamentais da negociación colectiva realmente son os sinalados en anos anteriores:
3. Compre que a CIG faga unha aposta reivindicativa forte a prol da negociación colectiva do ano 2001 que signifique mellor organización, mais capacidade combativa, ampliación de medios e apoios ao proceso negociador e incorpore o fomento da participación dos traballadores e traballadoras afectados, xunto a unha maior acumulación de forzas mediante a unidade de acción en todos os convenios onde sexa posible. 4. Se cando a situación económica xeral e a das empresas en particular é boa, non somos capaces de poñer freo ao deterioro das condicións de traballo e ás discriminacións e abusos que se cometen, deberíamos preguntarnos cal van ser as conquistas do sindicalismo nun cambio do ciclo económico. As melloras directas nos convenios, especialmente en termos de contratación e emprego, contribúen a fortalecer unha acción sindical eficaz e a configurar un marco global mais reivindicativo. Como sabemos, as eleccións sindicais teñen un carácter aberto e o sindicalismo nacionalista debe mentalizarse de que a batalla electoral se gana nas empresas e nos sectores en relación a unha actividade reivindicativa clara. É necesario revertir os métodos de traballo e os resultados da negociación colectiva nun incremento notable dos delegados sindicais ata agora conseguidos. 5. Estatutariamente, as Federacións teñen a responsabilidade da negociación colectiva no seu sector, a Executiva Confederal a de facer o seguimento da mesma e o Secretariado Confederal a análise e seguimento dos convenios que sexan necesarios en base a súa transcendencia. As Direccións Comarcais teñen a competencia de coordenar a negociación colectiva e, transitoriamente, deben exercer as facultades das federacións non constituidas nese ámbito. 6. Con respecto a esas competencias compre unha maior implicación de todos os órgaos de governo da CIG no proceso de negociación colectiva que agora se abre, de xeito que:
Materias susceptibles de regulación a través dun convenio colectivo sectorial ou de empresa
ÚLTIMA REVISIÓN: 16/02/2001 | |||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||