ActualidadeVolver / Comunicado


Vigo, 5 de decembro de 2000

Pola dignidade laboral no Concello de Dozón
Comunicado lido parcialmente ao final da manifestación de Lalín, no que se expón o motivo da convocatoria, e que coidamos de interés para seguir o problema laboral existente nese Concello
 

CIG-Administración Pública-



COMPAÑEIRAS, COMPAÑEIROS:

A solidariedade e un dos principios básicos do sindicalismo. Deixando cómputos electorais a parte, a Grandeza, con maiúsculas, dun Sindicato mídese pola capacidade de solidariedade que é capaz de xerar. E hoxe temos unha vez máis a proba de que en capacidade de mobilización e en grao de solidariedade á CIG non lle gaña ninguén, como demostran os centos de Delegados e Delegadas que desafiando ó mal tempo se acercaron hoxe a Lalín para mostrar o seu apoio ás traballadoras e traballadores do Concello de Dozón . En nome deles moitas gracias. Gracias tamén pola súa asistencia ós cidadáns e cidadás de Lalín, de Dozón e das vilas próximas que desafiando elementos máis adversos que o tempo nos acompañan hoxe.

Compañeiras e compañeiros celebrouse estes días pasados a morte do dictador, a morte de Franco , pero me temo que esa celebración non sexa máis que un espellismo ,outro engano da propaganda oficial , pois é palpábel que nestas terras do Deza, ó igual que noutras zonas da Galiza, o Caudillo non desapareceu, simplemente cambiou de nome, si o de antes se chamaba Paco o de agora aquí chamase Pepe, alá Adolfo e máis alá Manolo etc. Queda moita liberdade que gañar neste noso país, moita democracia que conquistar, moita intransixencia que vencer e moito fascismo que derrotar. E fago esta reflexión porque o conflicto que enfrenta ós traballadores e traballadoras do Concello de Dozón escápase xa do que podía ser o ámbeto exclusivamente laboral e situase no plano dos dereitos fundamentais.

Dozón e un pequeno pobo de menos de dous mil habitantes situado a 15 Kms de Lalín en dirección a Ourense, os que o coñecedes sabedes que non conta con un casco urbano polo que poda discurrir unha manifestación como a de hoxe, nese Concello de escasa potencialidade económica hai un empresario que ten en nómina arredor de 200 traballadores e traballadoras, o que según él lle da dereito a convertirse no amo e señor do pobo. Este individuo, despois de desfacerse de algún contrincante político mandando-o para o hospital dunha paliza a lategazos, convirteuse en alcalde de Dozón e governaba alí en réxime de partido único, pois a súa dictadura era tan eficiente que ninguén ousaba a presentarse ás eleccións.

Nas últimas municipais conseguironse artellar dúas listas para concurrir ós comicios. O Alcalde monta en colera e culpa ós funcionarios de posibilitar que tanto PSOE como BNG presenten candidaturas, a súa ira desbócase cando comproba que unha funcionaria vai na lista do Bloque, considera este feito un acto de alta traición, e os seus esquemas véñense definitivamente abaixo cando comproba que os resultados electorais fan perigar a súa hexemonía política no futuro, e tamén porque, ca chulería que o caracteriza, meteu a un fillo seu nos últimos postos da candidatura para demostrar que ía arrasar, e o fillo non saeu concelleiro. En fin, que cando se entera que unha funcionaria vai na candidatura do Bloque, este individuo empeza unha campaña de acoso e persecución contra ela que dura ata hoxe. Esta traballadora é Delegada Sindical da CIG no Concello. Hai que resaltar que dos outros seis funcionarios e funcionarias catro apoiaban e apoian decididamente a esta traballadora, outro está vou non vou, e soio o lambecús do Secretario apoia ó Alcalde.

Continuos cambios de horario e de xornada laboral, ata sete en seis meses, imposición do período de vacacións , prohibición de facer a pausa do bocadillo todos xuntos, cambios de lugar de traballo, impedimento de que os funcionarios e funcionarias realicen as súas funcións, impago de salarios, retrasos nos cobros das nóminas, ameazas e insultos, son algunhas das formas de represión que Adolfo Campos utiliza para tratar de humillar ós traballadores, que non se deixan arredar polas medidas represivas, todo o contrario con valentía e dignidade enfróntanse decididamente á fera e loitan polos seus dereitos como traballadores e como cidadáns.

Podía contarvos moitas actuacións deste Alcalde para que vos dérades unha idea de cómo é este personaxe, máis a premura de tempo impídemo, pero ahí van un par de mostras que definen perfectamente a catadura moral e o nivel intelectual deste paifoco. Bloqueo do coche de dúas traballadoras con un tractor para impedirlles ir a comer, non lle pon a calefación no Concello obrigando ó persoal a levar estufa da casa, subtraelle a estufa a unha funcionaria cando sae a tomar café, ó día seguinte a funcionaria vai a tomar café ca estufa debaixo do brazo, (imaxinadevos a escea) ó volver atópase con que o Alcalde meteu boliñas de papel nos buratos do enchufe para que non poda conectar a estufa, de risa senón fora tan patético.

Á nosa Delegada Sindical, Ana Lois, deixouna un día pechada no Concello e tivo que avisar á garda civil para que lle viñera abrir a porta, a raíz de esto confinouna nunha cela de castigo nun centro municipal separado da casa do Concello, nun lugar inhóspito, frío, húmido, illado, sen funcións encomendadas, sen auga, sen calefacción, sen teléfono, nunhas condicións totalmente inhumanas, a outro funcionario castigouno nun cuarto pechado sen traballo que facer, e ca prohibición incluso de leer (tortura psicolóxica pura e dura) a outros dous funcionarios, despois dunha sentencia xudicial que o obligaba a reubicalos no seu posto de traballo orixinal, ordenou darlle a volta á mesa e ás sillas de maneira que quedaban de costas ó público e de cara á parede. En fin podiamos seguir pero xa vos dades unha idea de quen estamos a falar.

A CIG ten presentados unha serie de recursos e denuncias que se resumen en dez contenciosos administrativos gañados, dúas querelas admitidas a trámite unha por presunta falta de inxurias leves e outra por un presunto delito de inxurias graves con publicidade, pola que lle poden caer ata seis anos de cárcere; outras denuncias presentadas están en tramite xudicial. Teño que dicir tamén que intentamos resolver o conflicto pola vía do diálogo, primeiro directamente co propio Alcalde, que se negou en banda a negociar nada ,e logo buscando a intermediación de persoeiros do PP como o presidente da deputación de Pontevedra, o secretario comarcal do PP no Deza, que é Alcalde de Lalín, co presidente do PP de Pontevedra, chegamos a ter dúas reunios co Secretario Xeral do PP de Galiza, Xesús Palmou que quedou de facer xestións para facilitar o dialogo pero que polo visto fracasou no seu intento.

Utilizamos tamén a vía parlamentaria presentando a través do BNG nterpelacións, propósicións non de Lei e solicitudes de comparecencia no Parlamento reclamando que a Xunta intervira en Dozón. Nesta vía parlamentaria sempre nos atopamos co apoio tanto do BNG como do PSOE e coa oposición radical do PP que demostrou un descarado soporte ás animaladas cometidas por este Alcalde, chegando a afirmar o Conselleiro de Xustiza que os traballadores se dediquen a traballar e deixen a política para os políticos, declaracións que demostran o talante fascista do Conselleiro, como si os traballadores non tiveramos os mesmos dereitos que o resto da cidadanía, ¡faltaría! Solicitamos tamén a intervención do Valedor do Pobo que emitiu un informe demoledor sobre o tema, constatando que en Dozón vulnerase a legalidade vixente e o orden democrático establecido. A nosa Delegada Sindical ,neste intre, está cumplindo unha sanción de seis meses de suspensión de emprego e soldo que temos recurrido no Xulgado do Contencioso, anteriormente gañamos un recurso de unha suspensión de ano e medio, e así estamos. A manifestación de hoxe ademáis de mostrar a nosa solidariedade con Ana Lois e co resto de traballadores e traballadoras de Dozón, é tamén para chamar a atención do Partido Popular para que deixe de dar amparo e cobertura a este individuo, que colabore na búsqueda dunha solución a este conflicto, ben mediando nunha negociación , ben desautorizando públicamente as actuacións fascistas deste Alcalde ou permitindo que a Xunta de Galiza interveña para restaurar a normalidade democrátrica en Dozón.

Seguiremos adiante por todos os camiños precisos utilizando as armas necesarias e estamos seguros que máis pronto que tarde os funcionarios e funcionarias de Dozón sairán vencedores e Adolfo Campos acabará onde ten que estar na galeria de especies desaparecidas ou en vías de extinción.


X. Henrique García Outeiral.
Secretario comarcal de CIG-Administración Pública-Pontevedra.

Volver


Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 05/12/2000