Actualidade / Artigo Santiago, 7 de xuño de 2000 Accidentes laborais: urxe maior resposta e mobilización
Cando se fala dos accidentes laborais, fala-se dunha das maiores lacras sociais que temos na actualidade. Nos últimos tempos todo se volveron simpósios, xornadas, congresos, estatísticas escalofríantes, declaracións de intencións, cursillos, etc...Cando menos, poderíamos esperar que se incrementase a sensibilización do conxunto da sociedade. Sen embargo, invade-nos unha perigosa sensación de resignación. Como se mutilar-se ou morrer no posto de traballo fose un risco inevitábel e froito da mala sorte, que, ademais, vaia implícito na condición de traballador ou traballadora. Non debemos permitir que isto ocorra. Certo é que, ainda que millorábel, temos ferramentas legais que están do noso lado. Por iso temos que obrigar a que se cumpran as normativas para evitar tanto sofrimento. Non debe asustarnos denunciar ante a Inspección de Traballo a aquelas empresas que mais incumpren e desprezan a vida dos traballadores. É mais: é a nosa obriga sindical facer ese traballo. Pero ainda mais, debemos respostar coa mobilización cada vez-que se produza unha traxédia no posto de traballo; maiormente se algun compañeiro ou compañeira perden a vida. A xornada de folga en Vigo no 1999 ou a concentración feita en Ourense, horas despois de senllos accidentes mortais, abriron un camiño que non debemos dubidar en seguer. Con total seguridade, iste tipo de accións van contribuir enormemente a aumentar o grao de conciéncia de todos os traballadores e traballadoras e do conxunto da sociedade. Na medida en que os actos de Vigo e Ourense non se queden en feitos aillados e se convirtan en resposta constante e habitual, estaremos contribuindo a rematar con esa resignación e impoténcia á que antes nos referiamos. Non é irremediábel morrer traballando. Non paga a pena. E, sobre todo, podemos evita-lo. Anxo Pérez Carballo, secretário nacional da Federación da Construcción e da Madeira da CIG.


 Confederación Intersindical Galega www.galizacig.com
ÚLTIMA REVISIÓN: 07/06/2000 |